 | O novo Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 vai mais alá do piso básico de actuación no que se configuraron os anteriores plans, que se cinguían a incentivar dunha maneira xeral e segregada as actividades de investigación dos axentes do sistema galego de I+D+I. Configúrase neste novo Plan un piso estratéxico de actuación que permita vertebrar o sistema e desenvolver dunha maneira eficaz e completa o potencial investigador e innovador do noso País de xeito que repercuta cualitativamente e cuantitativamente no desenvolvemento económico e no benestar social. Para iso, dentro do obxectivo xeral que nos debe levar en termos de indicadores a acadar, despois do remate deste Plan, o 1,5% do PIB en gasto de I+D+I, do que o esforzo empresarial debe constituír o 50%, deben de priorizarse os sectores estratéxicos a través de apostas que incidan na articulación do sistema galego de I+D+I, facendo fincapé nos recursos humanos. Deste xeito os programas horizontais definen os eixes centrais de actuación: o Programa de recursos humanos, co que se pretende aumentar o número de investigadores e investigadoras en Galicia, ao tempo que define a carreira investigadora e tecnolóxica ao desenvolver actuacións en todas as etapas (formación, incorporación e consolidación); o Programa de articulación que, a través da creación do mapa galego de centros tecnolóxicos, a constitución de plataformas tecnolóxicas e a promoción de solo tecnolóxico, busca a vertebración global do sistema galego de I+D+I que permita o desenvolvemento de todo o seu potencial e o Programa de comunicación e sensibilización social, como instrumento que facilite un maior coñecemento da ciencia e a tecnoloxía na sociedade galega en xeral. Por outra banda, cos programas xerais apóstase polo coñecemento e a súa valorización, cos programas sectoriais defínense as prioridades nos distintos campos da I+D+I, e incorpórase ao Plan o Programa de innovación empresarial como elo final da cadea que vai dende a creación dunha idea á súa posta en valor. Finalmente, para facelo posíbel, o Plan dótase dun orzamento global que non poderá ser inferior aos 800 millóns de euros, cifra histórica que sitúa a Galicia nos niveis máis altos no Estado en canto a investimento e defínese unha acción estratéxica para a avaliación, seguimento e control que permitirá o seu correcto desenvolvemento. |